O anterior goberno de Miguel Paz négase a dar os contrasinais das redes sociais

O traspaso de poderes no Concello de Noia foi de todo menos un xogo limpo por parte do anterior goberno encabezado por Miguel Paz. Tras varias peticións dos contrasinais das distintas redes sociais do Concello por parte do novo executivo noies -mesmo cun requirimento policial ao señor Lage- o único que estes obtiveron foi unha negativa ou un “eu non as teño”. Irónico canto menos. Unha tomadura de pelo auténtica xa que se realmente non as tivesen non actualizarían devanditos perfís ata o mesmo día antes da moción de censura. Está claro que algúns teñen moi mal perder e prefiren prexudicar ao pobo antes que facer un traspaso limpo e lóxico. Como consecuencia desta mala actuación o goberno actual de Santiago Freire creou unhas novas contas en Facebook (Concello de Noia), Twitter (@ConcelloNoia) e Instagram (concellonoia). Todas elas de carácter oficial e a través das cales manterán unha comunicación diaria, constante e actualizada con todos e cada un dos veciños e veciñas de Noia. 

Os comentarios están pechados.